O Centro de Cultura Popular do Limia, é unha organización ultrasecreta, que ven funcionando dende finais do século pasado nun lugar indeterminado da Limia. Descoñécense tanto os compoñentes da organización coma a forma de estructurarse, aínda que se sospeita que non vai máis alá dunha ducia de militantes.
Entre as actividades clandestinas que realiza, destaca a edición da revista LETHES, unha especie de panfleto que ven saíndo anualmente, e que parece ser a tapadeira dunha actividade económica pouco transparente. Ningunha outra explicación podería resolver o enigma de que vaia xa polo número oito sen publicidade nin apoio da Excelentísima Deputación.
A organización estructúrase entorno a un ficticio personaxe coñecido como BADAS, do que non se teñen datos concretos, pero que actúa como icono de referencia para o grupo. Coas reservas dunha sospeita pouco argumentada a foto superior, tomada nunha reunión clandestina na costa da provincia de Pontevedra, podería pertencer a este activista.